“A esfollada”, un relato de AFF publicado nunha revista da USC…e agora en Minerva.

“Xa hai anos que houbera aquela esfollada…”, asi comeza o relato “A esfollada” de Antonio Fraguas  publicado na revista Fronte e Cocote no ano 1972. A devandita revista era unha publicación da antiga Escuela de Ingeniería Técnica Industrial de Lugo. No noso repositorio Minerva temos dixitalizados os números do 1 ao -5 correspondentes ao ano 1972. Como ben din as nosas compañeiras da Biblioteca Intercentros de Lugo (ás que lles debemos o achado do material), non era casual a participación de Fraguas neste número: o relato etnográfico alinéase xunto con outro desexo e outra necesidade, que era o desexo dunha Escola Técnica. Xuntábanse así a recuperación do pasado e, tamén, a ollada ao futuro, mediante a formación e o aprendizaxe. Tedes a colaboración de Fraguas na ligazón ao número aquí. 

Botemos unha ollada aos colaboradores, ademáis de Fraguas, deste número:

Táboa de contidos do número 4-5 de “Fronte e Cocote” coas colaboración, entre outros, de Ramón Piñeiro, Ánxel Fole ou López Acuña. Prema na imaxe para acceder ao rexistro en Minerva.

 

Fixemonos no feito de que, ademáis de cuestións relativas a cría do gando, a Galicia agraria fronte o Mercado Común ou a promoción de enxeñeiros agrícolas, temos colaboracións como as de Ánxel Fole, a de Ramón Piñeiro falando do “menosprecio social da lingua” ou, tamén, o artigo de Francisco Campos sobre “la posibilidad del cine gallego”, sen esquecer as seccións de crítica musical ou o concurso.

 

Cabeceira da colaboración de Ramón Piñeriro para o número 4-5 de “Fronte e Cocote”. Prema na imaxe para chegar ao contido do número.

Ligazóns para acceder á colección en Minerva onde se aloxa a revista, aquí.

AFF e a USC: unha exposición na Biblioteca da Facultade de Historia (e unha curiosidade moi especial)

Xa  vai chegando o Día das Letras e as compañeiras da Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia inauguraron a pasada semana unha exposición na que se rende homenaxe a D. Antonio Fraguas e, tamén, sublíñase o seu vencellamento coa Universidade de Santiago. Esta exposición, que poderedes ver ata finais deste mes de maio, ven acompañada dun vídeo no que se explica e amosan algúns dos obxectos (libros, fotografías, orlas e algunhas curiosidades) expostos alí.

Para nós, ten moita importancia- quizáis tamén sentimental- atopar nunha orla alí exposta na que figura, como alumna de don Antonio, a daquela estudante de Filosofía e Letras, Daría Vilariño, directora da BUSC ata o ano 1993..

(Na última fila, a segunda comezando pola esquerda).

 

 

A inauguración do MPG: un percorrido polo impacto da nova na prensa

Este ano, como noutras ocasións, tivemos estudantes en prácticas na BUSC. Encomendámoslles distintas tarefas en cada servizo e, cando chegamos á parte de redes sociais e difusión, pedímoslles que nos axudaran co Día Das Letras Galegas 2019, concretamente co noso blog. E, tamén, que fixeran un percorrido pola prensa do ano 1976 para determinar o impacto da nova e como era recibida. Isto foi o que fixo Sergio Rodríguez Pérez coa axuda de Sandra Pombo Pimentel. 

(Reproducimos pantallazos das novas nos distintos medios e engadimos ligazóns aos diferentes xornais no catálogo da BUSC).

Con motivo do Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Antonio Fraguas, pedíuseme que buscara en distintos medios da época a noticia da constitución e a apertura do Museo do Pobo Galego, institución da que foi director. Por isto busquei en diferentes diarios, dos cales deron resultados El País, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Porén, algúns recollen a noticia da súa constitución e non da súa apertura e viceversa. Chámame a atención como as noticias de La Voz de Galicia e El Faro de Vigo que recollen a noticia da constitución do Museo en 1976 están redactadas de forma moi similar.

Crónica adicada á constitución e padroado do MPG no “Faro de Vigo”

Tamén é destacable o reducido tamaño que emprega El Pueblo Gallego para dar a noticia da apertura das súas primeiras salas.

Apertura do MPG segundo “El Pueblo Gallego” (29/10/1977), aludindo á apertura das salas de cestería, tecidos e cerámica, así como a gratuidade da visita nese día.

Con respecto a Antonio Fraguas, so se fala del para destacar o seu cargo como director. É curioso como na noticia de El País nin sequera se lle menciona, destacando principalmente a visita de Pío Cabanillas, Ministro de Cultura.

Pantallazo da nova en “El País” . Cronica de Perfecto Conde do 30/10/1977

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website at WordPress.com
Primeiros pasos