Falando do Colexio de Fonseca (dende o Colexio de Fonseca e a súa biblioteca).

No ano 1948, un xove Antonio Fraguas defende a súa tese de doutoramento en Madrid, baixo o título  Colegio de Santiago Alfeo (vulgarmente llamado de Fonseca). Sobre o Colexio de Santiago Alfeo volve escreber Fraguas  no número 671 (1955)  na publicación Vida gallega, un traballo máis divulgativo e dentro dun conxunto de artigos adicados a Santiago de Compostela encargados a  diversos columnistas.  Posteriormente, nos anos 1956 e 1958 publicaríanse dous volumes que contiñan a revisión da  tese de doutoramento; titulados, respectivamente, Historia del Colegio de Fonseca e Los colegiales de Fonseca  .Estes volumes publicaronse polo Instituto “Padre Sarmiento, e  xunto co exemplar de Vida gallega do que falabamos,  son as que aparecen na fotografía.

Máis adiante,no ano 1995, o Consorcio de Santiago, a USC e o Consello da Cultura Galega publican o que supón primeira tradución ao galego da tese de Fraguas.  Moito poderíamos decir deste libro fundamental para coñecer o xerme da universidade compostelana, máis ímonos deter no que ten que ver coa formación da Biblioteca Universitaria.

Algúns aspectos ben curiosos:

-O primeiro encargado do servizo de libros é o bedel. O Visitador -en 1573-encárgalle que reciba por inventario y se obligue dará cuenta della y que la tenga abierta todos los días lectivos dos horas, una a la mañana y otra en la tarde” (como vedes, moito melloramos na ampliación de horarios na BUSC).

-Os colexiais levaban os libros ós seus aposentos e, así, perdíanse moitos. En 1590, Juan de Marban manda que se entreguen todos en prazo de tres días, con reconto dos libros. O claustro deu orde de traslado, designando como lugar de emprazamento un apousento en la esquina de hacia la plaza del hospital. Iso sí, os colexiais que desempañaban o oficio de bibliotecario non tiñan chave para o acceso ao claustro, o que ocasionou algún conflito.

-Adóitanse facer cadeas e candados para que non desaparezan os libros. Así,  o 12 de setembro de 1602 o licenciado Gregorio López queixa da falta de cadeas, e determínaxe que, xunto co Reitor, vexan o que fai falla para protexelos, e que “haga hacer las cadenas, varras de hierro y candados que faltan y lo que costare se le libren para que la librería esté segura”. Posteriormente, no 1653 , o Rector ordea a busca dun “significavi del señor Nuncio, para que se bolviessen los libros que faltaban de la librería del claustro”.

Destaca a figura de d. Pablo Angel de Aldao e Breijo, que deu remedio a moitos dos males que pesaban sobre a biblioteca da Universidade. Fixo tomar conciencia da importancia da conservación dos libros, do respecto que merece, e lembrando a aqueles que non o fan que sobre eles pode caer a pena de excomunión.  Fraguas falanos tamén do momento no que o claustro destina o terreo entre Fonseca e san Xerome pra que a Libraría teña un local propio. No 1769 ten lugar un episodio que Fraguas considera fundamental: a negativa, por parte dos colexiais, de que os libros  da Biblioteca saíran do Colexio co novo traslado da Universidade ao Colexio dos Regulares da Compañía. Subliña Fraguas que eses primeiros libros foron o auténtico inicio da Biblioteca Universitaria (incrementada logo co legado de Felipe de Castro, etc.) e a meirande parte desapareceron cando a guerra da Independencia.

Ademáis dos traballos de Fraguas, son realmente imprescindibles os traballos de Luísa Cuesta sobre as primeiras adquisicións da Biblioteca Universitaria. Adicámoslle un post no noso blog Fonseca ao que podedes acceder aquí.

 

“A esfollada”, un relato de AFF publicado nunha revista da USC…e agora en Minerva.

“Xa hai anos que houbera aquela esfollada…”, asi comeza o relato “A esfollada” de Antonio Fraguas  publicado na revista Fronte e Cocote no ano 1972. A devandita revista era unha publicación da antiga Escuela de Ingeniería Técnica Industrial de Lugo. No noso repositorio Minerva temos dixitalizados os números do 1 ao -5 correspondentes ao ano 1972. Como ben din as nosas compañeiras da Biblioteca Intercentros de Lugo (ás que lles debemos o achado do material), non era casual a participación de Fraguas neste número: o relato etnográfico alinéase xunto con outro desexo e outra necesidade, que era o desexo dunha Escola Técnica. Xuntábanse así a recuperación do pasado e, tamén, a ollada ao futuro, mediante a formación e o aprendizaxe. Tedes a colaboración de Fraguas na ligazón ao número aquí. 

Botemos unha ollada aos colaboradores, ademáis de Fraguas, deste número:

Táboa de contidos do número 4-5 de “Fronte e Cocote” coas colaboración, entre outros, de Ramón Piñeiro, Ánxel Fole ou López Acuña. Prema na imaxe para acceder ao rexistro en Minerva.

 

Fixemonos no feito de que, ademáis de cuestións relativas a cría do gando, a Galicia agraria fronte o Mercado Común ou a promoción de enxeñeiros agrícolas, temos colaboracións como as de Ánxel Fole, a de Ramón Piñeiro falando do “menosprecio social da lingua” ou, tamén, o artigo de Francisco Campos sobre “la posibilidad del cine gallego”, sen esquecer as seccións de crítica musical ou o concurso.

 

Cabeceira da colaboración de Ramón Piñeriro para o número 4-5 de “Fronte e Cocote”. Prema na imaxe para chegar ao contido do número.

Ligazóns para acceder á colección en Minerva onde se aloxa a revista, aquí.

AFF e a USC: unha exposición na Biblioteca da Facultade de Historia (e unha curiosidade moi especial)

Xa  vai chegando o Día das Letras e as compañeiras da Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia inauguraron a pasada semana unha exposición na que se rende homenaxe a D. Antonio Fraguas e, tamén, sublíñase o seu vencellamento coa Universidade de Santiago. Esta exposición, que poderedes ver ata finais deste mes de maio, ven acompañada dun vídeo no que se explica e amosan algúns dos obxectos (libros, fotografías, orlas e algunhas curiosidades) expostos alí.

Para nós, ten moita importancia- quizáis tamén sentimental- atopar nunha orla alí exposta na que figura, como alumna de don Antonio, a daquela estudante de Filosofía e Letras, Daría Vilariño, directora da BUSC ata o ano 1993..

(Na última fila, a segunda comezando pola esquerda).

 

 

A inauguración do MPG: un percorrido polo impacto da nova na prensa

Este ano, como noutras ocasións, tivemos estudantes en prácticas na BUSC. Encomendámoslles distintas tarefas en cada servizo e, cando chegamos á parte de redes sociais e difusión, pedímoslles que nos axudaran co Día Das Letras Galegas 2019, concretamente co noso blog. E, tamén, que fixeran un percorrido pola prensa do ano 1976 para determinar o impacto da nova e como era recibida. Isto foi o que fixo Sergio Rodríguez Pérez coa axuda de Sandra Pombo Pimentel. 

(Reproducimos pantallazos das novas nos distintos medios e engadimos ligazóns aos diferentes xornais no catálogo da BUSC).

Con motivo do Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Antonio Fraguas, pedíuseme que buscara en distintos medios da época a noticia da constitución e a apertura do Museo do Pobo Galego, institución da que foi director. Por isto busquei en diferentes diarios, dos cales deron resultados El País, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Porén, algúns recollen a noticia da súa constitución e non da súa apertura e viceversa. Chámame a atención como as noticias de La Voz de Galicia e El Faro de Vigo que recollen a noticia da constitución do Museo en 1976 están redactadas de forma moi similar.

Crónica adicada á constitución e padroado do MPG no “Faro de Vigo”

Tamén é destacable o reducido tamaño que emprega El Pueblo Gallego para dar a noticia da apertura das súas primeiras salas.

Apertura do MPG segundo “El Pueblo Gallego” (29/10/1977), aludindo á apertura das salas de cestería, tecidos e cerámica, así como a gratuidade da visita nese día.

Con respecto a Antonio Fraguas, so se fala del para destacar o seu cargo como director. É curioso como na noticia de El País nin sequera se lle menciona, destacando principalmente a visita de Pío Cabanillas, Ministro de Cultura.

Pantallazo da nova en “El País” . Cronica de Perfecto Conde do 30/10/1977

Comezamos o noso paseo….

 

Hoxe comezamos o noso paseo pola vida e obra de Antonio Fraguas, ao que se lle adica o Día das Letras Galegas deste 2019. E facémolo coa imaxe dun paseo que deron xuntos, no ano 1989, Antón Fraguas e Isaac Díaz Pardo polas rúas de Compostela.  Non poidemos resistirnos a comezar o noso blog deste ano así.

(Imaxe cortesía do Laboratorio de Formas de Galicia)

 

 

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

Create your website at WordPress.com
Get started